Poesía gañadora – categoría da ESO (1º, 2º e 3º)

NADA É O QUE PARECE

 

Aquela primeira mirada,

aquel  primeiro sorriso,

aquela vida doada,

o noso primeiro bico.

 

Os grandes desexos.

Os ricos xeados.

Os lindos paseos,

no día dos namorados.

 

Logo chega a angustia,

Que se mete no meu corazón.

Pois ninguén me fixo nunca tanto daño

Como aquel que creía o meu amor.

 

Xa non era só a dor.

Xa non era só a decepción.

Esto xa non era un conto de fadas,

senón unha triste canción.

 

Vanessa Álvarez Crespo de 2º da ESO do IES Lagoa de Antela (Xinzo da Limia)

Relato gañador – categoría da ESO (1º, 2º e 3º)

TRISTE HISTORIA

Esta é a miña historia, escrita en papel, con puño firme e tinta de sangue. Esta é a verdade; isto é o que pasou.

Casei con 30 anos, co home que fora o meu mozo durante dous. Casei co home que cría perfecto, do que rápido me namorara. El de min non: eu era, para el, unha simple propiedade.

Xureille amor aquel 30 de agosto, na igrexa da miña aldea, Nevadeño, situado a 30 km de Luces. Era un día especial e perfecto, pero se chega a ser hoxe non daría ese maldito “si”; esa maldita palabra monosílaba que me arrincou a vida tan rápido como a súa man me cruzou a cara.

Todo empezou un ano despois; o matrimonio non ía mal, pero tivera tempos mellores. Discutir por nada.  Á mínima enfadarnos e ata pasar semanas sen falar. Sí, como o ledes, vivindo no mesmo piso e durmindo na mesma cama e sen falarmos. Supoño que a paciencia esgotóuselle cando me viu chegar cun coñecido, aínda me lembro.

Entrei na casa e alí estaba, serio, na porta. En menos dun minuto estaba no chan, sangrábame o beizo inferior. Cando se decatou pronto me axudou, pero ben lle notei que xa lle collera o gusto. Despois diso as labazadas voaban, por calquera cousa e a calquera momento.

Agora xa levamos 10 anos xuntos: os 10 peoares anos da miña vida.

Chegará dentro de media hora, pasan lentos os minutos aquí encerrada, neste escuro antro; no que consumo a miña triste existencia. Peta á porta. Ese son xéame os ósos, empeza a tortura.

Entra, e por “bos días” recibo un empurrón; en vez de bicos, labazadas e, por aloumiños, puñazos.

Estou onde quería levarme, o baño; mentres se enche a bañeira de auga insúltame, bérrame; a miña actitude, impasible, creada polo cansazo que produce a mesma tráxica rutina. Xa son tantos golpes que non me sorprenden, tantos os días de sufrimento que xa non me afecta. O meu ollar inexpresivo sácao de quicio. Empeoran as cousas. ¡Anda, xa está! Alá vai a miña cabeza,  cálcama cada vez máis. Xa non sinto nada, acabou a miña triste existencia entre esas augas de furia. Agora afogarase entre as augas da culpa, da tristeza e da soidade.

Afogarano os barrotes do cárcere, enterrarano nunha eterna culpa. Ou non.

 

Paula Nogueiras Nogueiras de 3º da ESO do IES Lagoa de Antela (Xinzo da Limia)

Poesía gañadora – categoría 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos

SAI DA TÚA GORIDA

 

Eu non tiña vida, a miña vida estaba á deriva

miraba e non me vía

escoitaba e só oía

unha voz que me dicía: Ti es miña

 

Eu non tiña vida, o cárcere era o fogar que tiña

a soidade a miña compañía

que tristura, miña nai sentía

cando unha voz me dicía: Ti es miña.

 

Eu non  tiña vida, só berros e insultos na comida

e a miña voz apagábase na cociña

e algún día rematei na enfermaría

e só oía a voz que me dicía: Ti es miña

 

Eu non tiña vida, perdín a liberdade algún día

cando ista voz que repetía: Ti es miña.

Pisou o amor propio que tiña

e dende aquela miña vida só hai ira.

 

Eu non tiña vida, ata que un día

a voz que me repetía: Ti es miña

apagouse e acendeu outra que me dicía:

Sai da túa gorida, que aí fora ti tes unha vida.

 

Víctor Sánchez Salgado de 4º da ESO do IES Cidade de Antioquía (Xinzo da Limia)

Relato gañador – categoría 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos

APOSTA POLA VIDA

Pantalóns negros, blusa rosa, as botas que mercara o outro día, pelo solto, algo de brillo nos beizos e xa estaba lista para ir ata aquel parque no que quedaba con Fran cada mañá antes de ir a clases. Mais este día, non era un calquera, a sete de decembro cumpriamos dez meses xuntos. Todo ese tempo foi perfecto, era cariñoso, atento, detallista e a pesar de que era bastante celoso e de haber tido problemas, non podía ter queixas. Como o esperaba, con el traía un regalo, un precioso colar e a blusa que me encantara e non puidera comprar polo cara que era. Todo parecía ser perfecto, sen saber que ese día todo cambiaría.

Chegamos ao insti xusto cando soara a campá e cada un dirixiuse á súa clase. Sentábame ao lado de Pablo, a pesar de que a Fran non lle facía moita graza. Pediume que no recreo, o acompañara rápido á súa casa xa que se esquecera dun traballo. Fomos rápido e cando regresamos Fran enfadouse. Eu expliqueille o sucedido e así quedou a cousa.

Ao día seguinte, Pablo apareceu pola porta de clase cunha gran mazadura na cara. Non me falaba e sentouse na outra punta da aula. Acerqueime a el, non me podía crer que alguén lle puidese facer dano a Pablo. Pregunteille que pasara pero non me dixo nada, foise cabreado. Pola tarde, Fran notoume rara. Conteille o que lle pasara a Pablo e tan só me dixo: “ten o que se merece”. Non o podía crer, de novo discutimos, pero esta vez, fóisenos das mans. Só contarei que a discusión acabou con insultos e un golpe que me deixou marca. Non podía ser, como chegamos a esa situación?, tan grande fóra o meu erro?

Ese foi o comezo de todo o pesadelo que pasei durante dous anos. Insultos, berros, vexacións, golpes e soidade. Supoño que estaba cegada e só me culpaba a min da situación. Despois de tanta dor, coa axuda da miña familia e dos poucos amigos que puiden conservar, saín dese círculo vicioso. En canto a Pablo, saímos durante catro anos e casei con el, tiña pavor ás relacións pero comprendín que era posíbel ser feliz con alguén que me valorase e que ao final da escuridade hai luz. Simplemente, apostei pola vida.

Érika Nóvoa Conde de 1º de Bacharelato do IES San Mamede (Maceda)

Poesía gañadora – categoría libre

Pantasma,

furto estéril da coraxe

 

e cada estigma é como o berro dunha nai,

e cada pulso un gatillo que ruxe,

e despreza o espello e a figura

escultura intacta dunha deusa

e sangra, sangramos todas,

sexo nítido do sangue e da beleza,

almorzó deste útero enloitado,

esfinxe loira e aterida

 

e cada non como o latexo dun serán,

e cada freo como unha humanidade,

e canta nós e o noso corpo medra;

 

e apertámonos as fauces

e presumir da ledicia,

e aplaudirnos, coma todas,

mauladas.

 

Arancha Nogueira (23 anos)

O Certame

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova da Comarca de Allariz – A Limia – Maceda convoca o I Certame de Poesía e Relato Curto María Balteira.

Desde a Asemblea de Mulleres queremos concienciar da importancia do problema da vixencia do machismo na sociedade actual. Bótalle un ollo ás bases das distintas categorías e anímate a participar!